Friday 10 de May de 2024

O BNG de Oleiros reclama atención para o núcleo histórico do Seixal


En 50 metros, atopamos 6 chanzos

Nas beirarrúas do inicio da Avenida Salvador Allende hai moitos anos que non se fai ningún arranxo, manténdose os remendos de baldosas dos anos 70 e 80 do século pasado. En varios treitos, mesmo resulta imposíbel camiñar pola beirarrúa por diferentes motivos (maleza sen limpar que ocupa a zona peonil, falta de ramplas nas entradas de garaxes), obrigando os peóns a facelo pola estrada.

Alén disto, o aceso á marquesiña deste núcleo con tanto tránsito de vehículos ten un desnivel do 20 %, bastante superior ao que marca a lei, o que dificulta o acceso de persoas con mobilidade reducida. O BNG de Oleiros reclama unha mellor planificación e atención á hora de construír e reformar este tipo de equipamentos, tan necesarios neste concello no que é preciso fomentar formas de mobilidade alternativas ao vehículo particular.

O Seixal pasou, en 40 anos, de ser o centro social, de lecer e comercial da parroquia de Nós a ser un lugar degradado. A parroquia de Nós carece de servizos moi necesarios para a cidadanía, polo que os seus veciños e veciñas deben desprazarse a outras zonas do concello, motivo polo cal a mobilidade é tan importante nesta área.